Tuesday 17 de September de 2024

Rematados os traballos de mellora do firme en nove rúas da cidade


Estas intervencións, que contaron cun orzamento de 358.535 euros, realizáronse na rúa da Presa, rúa do Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avenida do Burgo das Nacións, rúa de Pilar Miró, rúa do Tambre, rúa de San Caetano, rúa das Casas da Hedra e travesa das Casas da Hedra.

O departamento municipal de Vías o Obras vén de finalizar os traballos de mellora do firme en nove vías urbanas en que se tiñan detectado importantes desperfectos e deterioro, e que se consideraron prioritarias desde o punto de vista técnico.

Trátase dos traballos que o concelleiro que dirixe este departamento, Xesús Domínguez, presentara a pasada primavera e que foron executados nos últimos meses, aproveitando que as condicións meteorolóxicas son máis propicias para este tipo de traballos.
Esta rehabilitación de firme realizouse na rúa da Presa, rúa do Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avenida do Burgo das Nacións, rúa de Pilar Miró, rúa do Tambre, rúa de San Caetano, rúa das Casas da Hedra e travesa das Casas da Hedra.

En total, o Concello destinou a estas intervencións un orzamento de 358.535 euros, co que cubriu as actuacións previas á pavimentación, a xestión de residuos e medidas de seguranza, ademais da aplicación do firme. Nestes días estase procedendo a traballos de pintado nalgúns dos tramos en que se interveu.
Estas actuacións complementáronse con outros labores de mantemento e conservación de firmes asfálticos, consistentes tanto en pequenos bacheos repartidos por toda a cidade como en parcheos amplos na rúa Churruchao, rúa Cantaleta, avenida de Barcelona, rúa Polonia e acceso á rúa Polonia desde a SC-20.

Detalle das intervencións

Rúa da Presa: comezouse pola limpeza de bordes do vial, fresouse para a regularización do mesmo e por último repúxose o firme con mestura bituminosa en quente nun tramo de 1.475 metros cadrados.
Rúa do Campo de Santa Isabel: realizouse un saneamento do firme nas zonas deterioradas seguido dun fresado e da regularización da superficie e a posterior aplicación de mestura bituminosa en quente. A actuación realizouse en 1.200 metros cadrados.
Rúa de Vite de Abaixo: procedeuse á limpeza de bordes do vial, saneamento do firme nas zonas máis deterioradas, fresado do vial e pavimentación na totalidade da rúa. Esta actuación afectou a 3.650 metros cadrados. Tamén se executaron redutores de velocidade con mestura bituminosa en quente que van substituír os redutores existentes.
Avenida do Burgo das Nacións: renovouse a pavimentación nas partes máis deterioradas da rúa, ata un total de 2.950 metros cadrados. Tamén se executaron dous redutores de velocidade con mestura bituminosa en quente para substituír os que había.

Rúa de Pilar Miró: realizouse o fresado, a demolición e apertura de caixa da zona de estacionamento, así como da marxe norte da rúa para a ampliación do vial. A zona de estacionamento executouse en formigón armado xunto cun conduto para a recollida das augas pluviais na zona limítrofe entre o estacionamento e o vial. A actuación abrangueu 490 metros cadrados.

Rúa do Tambre: levouse a cabo o saneamento de firme nas zonas deterioradas, procedeuse ao fresado da totalidade do vial e asfaltouse na totalidade da rúa. Tamén se se executaron dous redutores de velocidade que reemprazaron os antigos. Esta actuación comprendeu 3.400 metros cadrados.
Rúa de San Caetano: reposición de firme nas áreas máis deterioradas da rúa, con fresado para a regularización da superficie, asfaltado e pintado. A actuación abrangueu un total de 2.325 metros cadrados.

Rúa das Casas da Hedra e travesa das Casas da Hedra: limpeza de bordes do vial, saneamento do firme nas zonas máis deterioradas con fresado para regularización da superficie, asfaltado e pintado. Os tramos suman 2.290 metros cadrados.